Produto do Eume, nova marca de garantía

A Consellería do Medio Rural ven de informar favorablemente o regulamento de uso da marca de garantía “Produto do Eume” para distinguir no mercado produtos alimentarios de calidade orixinarios do territorio da bacía do río Eume. Este informe favorable é necesario para que a asociación promotora desta marca poda facer o seu rexistro na Oficina Española de Patentes e Marcas. Así llelo comunicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da asociación Euroeume, que promoveu esta iniciativa.

Este colectivo será o titular e responsable desta nova marca, que ten como finalidade achegar ao consumidor produtos ou servizos de calidade autorizados por Euroeume, así como facer promoción deles, promovendo o seu prestixio e imaxe.

Os interesados que sexan autorizados a usar a marca desenvolverán a súa actividade na Comarca do Eume (concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes), así como en comarcas limítrofes (Ferrol, Ortegal, Betanzos e parte dos concellos da Terra Chá), por compartir a bacía do Eume.

É condición imprescindible estar adherido ás diferentes denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) existentes neste ámbito xeográfico, que amparen o produto que pretenda acollerse á marca como produto galego de calidade. As condicións específicas de cada subsector amparado desenvolveranse nos anexos do regulamento.