Piscina flotante para Laias

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron na capital ourensá un acordo de colaboración para a dotación dunha piscina flotante en Laias, polo que o este departamento da Xunta investirá 200.000 euros nesta dotación incluída dentro do Plan termal para a provincia de Ourense.

A través deste programa específico que persegue o reforzamento do sector turístico termal da provincia, coa visión de consolidar e fortalecer o posicionamento da Comunidade galega como destino de termalismo, Turismo de Galicia xa destinou un investimento de máis de 3,3 millóns de euros para o desenvolvemento de distintos proxectos.

Así, entre as actuacións nas que xa participou o departamento da Xunta, salientan o balneario de Cortegada, o incremento da capacidade da oferta de aloxamento en Verín mediante a conversión da acrópole de Monterrei en parador, a creación de novas rutas turísticas como a Ecovía fluvial do Támega, a Ruta da auga de Verín ou a Ruta do río Caldo, o Club de Produto da auga ou o proxecto de sinalización das vilas termais.

Ademais, o acordo asinado hoxe entre a directora de Turismo de Galicia e o presidente da Deputación de Ourense, inclúe a construción dunha pasarela para comunicar a piscina que se creará na beira do río Miño e que estará comunicada co propio balneario de Laias.