Ourense con denominación de Destino Turístico Intelixente

O Goberno de España confirmoulle ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que Ourense será a primeira provincia coa denominación de “Destino Turístico Intelixente”. Así llo certificou o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, quen, na reunión que mantivo con Baltar no Pazo Provincial, destacou “o labor de vangarda” que está levando a cabo a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo “que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense”, afirmou López de Ávila.

O presidente de Segittur destacou o proxecto de “Provincia Intelixente” que está a impulsar Manuel Baltar, iniciativa que cualificou de “innovadora e moi relevante” para posicionar a un territorio como a provincia, remarcando a importancia do traballo de internacionalización que o presidente do goberno provincial está a desenvolver da “marca Ourense”, tanto no ámbito turístico, cultural, económico e empresarial, aplicando para elo a innovación na xestión e o uso das tecnoloxías.