Ourense, destino intelixente

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Campus ourensano cos principais expertos en turismo de España para analizar os últimos avances científicos e tecnolóxicos aplicados ao sector turístico, que permitirán situar á provincia de Ourense entre os territorios de vangarda na xestión, posicionamento e promoción das súas potencialidade turísticas

Baltar Blanco propón que un equipo multidisciplinar de expertos en turismo analice os ámbitos termal, cultural, etnográfico, natural e do patrimonio histórico-artístico do territorio ourensán “para que Ourense sexa a primeira provincia que teña a catalogación de Destino Turístico Intelixente”, afirma Manuel Baltar.

Neste traballo referido aos Destinos Turísticos Intelixentes, ao que se incorporará a provincia de Ourense, tamén participan os territorios de Asturias e Curitiba (Brasil).

O feito de que Ourense sexa o primeiro territorio provincial que se converta nun “Destino Turístico Intelixente” permitirá levar a cabo unha estratexia de revalorización da provincia e aumentar a súa competitividade, mediante un mellor aproveitamento dos seus atractivos naturais, deportivos e culturais, como tamén mellorar a eficiencia dos procesos de produción e distribución que facilitan o desenvolvemento sostible e a interacción dos visitantes.