Ollada da Xunta ao rural

A Xunta destina este ano un total de 3,5 millóns de euros para fomentar a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas non agrícolas no rural galego. O Consello do Goberno galego avaliou estas achegas nun informe presentado pola Consellería do Medio Rural. Neste documento explícanse os importes, beneficiarios, proxectos e criterios de valoración na concesión destas axudas.

A convocatoria destas subvencións sairá publicada en breve no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a partir dese momento os interesados disporán dun mes de prazo para solicitalas. A porcentaxe de axuda sobre o investimento total será do 45% e a achega máxima de 200.000 euros.

Os beneficiarios poderán ser pequenas empresas, persoas físicas que residan no rural e familias titulares dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas.

Entre os proxectos que poderán ser obxecto de axuda figuran aqueles relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos en calquera sector sector económico (agás empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e de servizos enerxéticos), a prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns e persoas con discapacidade), actividades de ocio, recreativas e deportivas, artesanía, novas tecnoloxías ou comercio polo miúdo, entre outros.