Martiño Noriega celebra a poxa da unllas de San Lázaro

O alcalde de Santiago sumouse á festividade de San Lázaro participando na poxa das unllas, unha das citas máis tradicionais destes festexos.

Martiño Noriega fíxose cun lote de pezuños, que nestes días protagonizan a oferta gastronómica dos locais de hostalería do barrio de San Lázaro. Os restaurantes serven as unllas acompañadas de chourizo, bertóns e patacas, durante a que é unha das celebracións máis arraigadas en Compostela.

As festas de San Lázaro comezaron o sábado, coincidindo co Domingo de Paixón. Nestes días, 15 restaurantes do barrio ofrecen as unllas como prato estrela. Son, en concreto, A Casa da Viña, Casa Carollo, o restaurante Doña Ana, La Bodeguilla de San Lázaro, La Finca, Mesón de Lázaro, O Muiñeiro, O Tangueiro, o restaurante A Grella, A Pedra Quente, O San Lázaro, O Labrador, Mesón As Fontiñas, Pedra Santa e Restaurante Susos. 

Ademais, este ano quixeron sumarse á festa establecementos doutras zonas da cidade como A Taberna da Feira, El Bocalino, San Jaime e Restaurante Ultreia.