Lugo atrae máis turistas cada ano

A Oficina Municipal de Turismo de Lugo atendeu a máis de 1.800 persoas en febreiro, un 15% máis que o pasado mes de xaneiro, e un 28% e 33% máis que o mesmo período do ano 2015 e 2014, respectivamente. O 95% dos visitantes que se achegaron á Praza do Campo eran españois, o que demostra un mes máis o comportamento positivo do turismo nacional. Os madrileños están a cabeza dos visitantes nacionais en febreiro (451), seguidos dos procedentes de Cataluña (423), Castela e León, Asturias e País Vasco. Entre os preto de 90 foráneos, atópanse 27 franceses, 12 xaponeses e 10 arxentinos, entre outros. 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen se amosou orgullosa destes datos, insistiu en que o Equipo de Goberno continúa a traballar para desestacionalizar o turismo. “Temos que seguir redoblando esforzos para que esta evolución se consolide”; subliñou Basadre ao tempo que lembraba o aumento dun 92% do turismo na cidade dende o ano 2000. 

“Dende o Concello continuaremos a pór en valor as singularidades que diferencian a Lugo doutros destinos, que pasan principalmente por ser unha das poucas cidades que conta con tres Patrimonios da Humanidade, a Muralla, o Camiño Primitivo e a Catedral”, asegurou a Concelleira, quen aludiu á recentemente estreada campaña Ven é Lugo, na que se presume dos tres Bens Mundiais. 

Neste senso, Basadre deu a coñecer que Lugo rexistrou un incremento do 8,5 en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego turístico no pasado 2015, segundo un informe feito público recentemente pola Alianza para a Excelencia Turística, Exceltur.