LII Concurso-Exposición Internacional da Camelia en Pontevedra

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, sinalou na presentación do LII Concurso-Exposición Internacional da Camelia que o obxectivo da Deputación de Pontevedra na organización desta mostra foi "dar un cambio xeral, cun toque atrevido, á mostra para demostrar que a camelia é algo máis que unha flor ornamental, xa que é un recurso que pode crear economía de país".

Cociña en directo, degustacións, contacontos, camelias de decenas de cultivares… e moitas sorpresas. Así se resume o programa do LII Concurso-Exposición Internacional da Camelia, que se desenvolverá os vindeiros sábado e domingo no Recinto Feiral de Pontevedra. 

Vilaverde explicou que este ano a exposición leva por título "Os sentidos da camelia", posto que lle ofrece ao público cinco xeitos de gozar coa flor: a vista, o oído, o tacto, o olfacto e o gusto. No sentido da vista os visitantes poderán admirar os diferentes cultivares presentados polos 52 expositores que optan ás 21 categorías de premios. 

Nesta edición decidiuse cambiar o regalo simbólico para os premiados e, se ben se outorgará unha camelia de ouro, esta será un deseño dos irmáns Cimadevila, xoieiros de Pontevedra, que fixeron o seu modelo baseándose nun cultivar galego da flor (a camelia da variedade ‘Rosa do Ortel').

O LII Concurso-Exposición Internacional da Camelia abrirá as súas portas ás 17:00 horas do sábado 19 no Recinto Feiral. A inauguración oficial, á que están convidados representantes e asociacións de toda a provincia, será ás 19:00 horas. A entrega de premios terá lugar o domingo, ás 12:30 horas. A entrada a todas as actividades é libre. Programa (pdf)