Gastrorutas por Lugo e novas guías dos museos e do Camiño

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ás concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Ana Prieto e Carmen Basadre, presentaron Salón de Plenos o novo material divulgativo e as novas ferramentas que estreará o Concello “co obxectivo de pór en valor o patrimonio cultural e histórico de Lugo, así como a súa gastronomía e as zonas verdes”, subliñou a rexedora. 

Trátase de guías sobre os catro centros arqueolóxicos (Domus do Mitreo, Casa dos Mosaicos, Porta Miñá e San Roque- e do Camiño de Santiago, un inventario de 106 bens turísticos da cidade e 5 rutas gastronómicas –baixo a denominación de Gastrorutas- por 31 locais hostaleiros da cidade (Ruta do Polbo, do Queixo, do Lacón, do Grelo e Ruta Doce).

“Pensando no atractivo e a proxección que ten a gastronomía en Lugo”, explicou a Alcaldesa, deseñouse unha aplicación web para promover rutas gastronómicas pola cidade, ofrecendo deste xeito a posibilidade de que o turista goce do produto gastronómico lucense. Trátase de 5 rutas gastronómicas elaboradas con produtos autóctonos da terra e do mar. As rutas son: Ruta do Polbo, do Queixo, do Lacón, do Grelo e Ruta Doce. O Gastromapa turístico da cidade poderase consultar en gastrorutas.lugo.gal

Participan 31 establecementos que estarán debidamente identificados cunha pegatina que tamén deseñaron os alumnos. Os locais son: Vinoteca Casa d`Auga, Restaurante Antes, Ave César, Cervecería La Fábrica, O Mercado Street Food, Restaurante Porta da Estación, Mesón El Castillo, Curruncho A Nosa Terra, Campos, Taberna Daniel, La Encina, Restaurante O Cantiño, Mesón O Castelo, Restaurante Tosar, Pazo das Pombas, Restaurante Anda, O Figón, O Candil, Pulpería Aurora do Carballiño, Bar O Pote, D´Cásual, Bulló Xantar, Paprica, Portal 36, Restaurante España, Vagalume, Confitería Santos, Madarro, Confitería Conde, Vanity Cakes e Confitería Ramón.

Distribuiranse 5.000 folletos das rutas gastronómicas nos 31 establecementos participantes, así como 500 guías do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo na Oficina de Turismo e nos Museos Municipais.

Son unhas novas ferramentas editadas e postas en marcha polo Concello, froito do traballo dos 23 alumnos-traballadores, e os 3 profesores do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, un taller financiado pola Xunta, e coordinado de maneira trasversal polas concellerías de Emprego e Cultura. Finalizado o pasado 19 de febreiro, os títulos entregaranse aos participantes nos vindeiros días nun acto que contará con representantes da administración local e autonómica.