Galician Gourmet Extravaganza chega a Bruxelas

Os produtos de calidade de máis dun cento de empresas agroalimentarias protagonizan estes días en Bruxelas o Galician Gourmet Extravaganza, un evento de exposición e degustación que busca incrementar o negocio exterior do sector agroalimentario galego a través dos máis de 500 profesionais atraídos pola mostra. 

Algas e queixos, polbo e lacón, carnes e viños, mariscos e conservas son algúns dos alimentos de calidade que están a protagonizar, no Hotel Silken Berlaymont da capital belga, a carón da sede da Comisión Europea, a segunda edición dun evento que o ano pasado colleitou éxitos para os produtos agroalimentarios galegos en Londres. Conflúen na mostra marcas consolidadas como D.O. Ternera Galega ou Conserveira Galega, ou de novas firmas que se están abrindo paso con presentacións innovadoras e de calidade como Curricán ou Benboa. 

O evento expositivo e gastronómico conta coa participación de recoñecidos cociñeiros como Santi Almuiña, Diego López e Benigno Couso, que se ocupan da preparación dos menús para degustación que o hotel ofrecerá aos seus clientes, dos postres e das tapas que se servirán aos participantes nesta mostra gastronómica. Para completar a oferta, David Ortiz e Miguel Arbe serán os encargados de sorprender cos seus cócteles; e as catas de viños e licores serán dirixidas polo sumiller Luis Paadín. 

A sociedade pública Galicia Calidade estará presente no Galician Gourmet Extravaganza , onde contará cun espazo de información e degustación de produtos das marcas certificadas, que na actualidade suman máis de 55 empresas –e 350 produtos– que pertencen, no 90% dos casos, ao sector alimentario. Ademais, tres empresas certificadas pola marca de garantía contarán cun espazo propio como Señorío de Rubiós, Torre de Núñez e Jamones González.