Doce premios de deseño adornan o albergue Bela Muxía

www.dicoruna.es
Doce premios de deseño adornan o albergue Bela Muxía que visitaron os deputados Xosé Regueira e Manuel Muíño para recibir do seu propietario Pepe Formoso o libro Bela Muxía. O albergue como espazo identitario, de Antón Castro e deseño de Xosé Teiga creado arredor do centro turístico.

Poemas de Rosalía de Castro, de López Abente, de Valente, de Cesáreo Sánchez Iglesias ou Cesar Antonio Molina decoran os distintos espazos do hostal Bela Muxía, un centro hostaleiro que recibiu no pasado ano máis de 9.000 persoas. As instalacións, deseñadas por Covadonga e Creus, preséntanse como un libro con páxinas literarias mais tamén escritas arredor da cultura e a historia de Muxía, un espazo de integración turístico, cultural e etnográfico singular que está a ser recoñecido internacionalmente.

"Estamos nun espazo de calidade, unha maneira singular dun turismo de calidade, que ten en conta a nosa identidade e a nosa cultura e quere mostrala con orgullo", destacou o deputado de Turismo, Xosé Regueira despois de aplaudir o que definiu como "proxecto espectacular e coral que ben merece os premios que lle foron concedidos".

O director e propietario, Pepe Formoso, agradeceu a visita e convidou a promocionar un centro que coidou ao máximo todos os detalles e quere ser un escaparate da cultura e a singularidade da Costa da Morte para todo o turismo, en especial, as persoas que percorren o Camiño de Santiago cara Fisterra.