Compostela, unha das dez cidades europeas do programa Urban Green Labs

Compostela é unha das dez cidades europeas que participan no programa Urban Green Labs, unha iniciativa coa que aspiran a fondos europeos no marco da convocatoria URBACT III (2014-2020) para desenvolver a estratexia verde no rural..

O proxecto está liderado polo distrito 18 de Budapest, que aceptou a inclusión de Santiago despois de que unha delegación da cidade visitara a capital galega hai uns días. Esta semana, os membros da rede están a manter un encontro na cidade eslovena de Maribor invitados por Budapest, e co obxectivo de concretar a proposta e o seu orzamento. Segundo a convocatoria do URBACT III, os fondos europeos financiarían ata o 70 por cento do proxecto.

O obxectivo da rede de cidades europeas á que vén de incorporarse Santiago é promover a eficiencia enerxética a través do eco-localismo. Nese marco, o Concello compostelán quere desenvolver unha iniciativa encamiñada a implantar a estratexia verde no rural, dentro do obxectivo do goberno de lograr un maior equilibrio entre a cidade e as parroquias.

A través da Rede de Centros Socioculturais, o Concello tratará de xerar comunidades interxeracionais que promocionen a mobilidade e as actividades de lecer ao redor dos camiños tradicionais do rural e das vías verdes.

Unha vez pechada a proposta en Maribor e definido o seu orzamento, a Xunta de Goberno Local aprobará o programa co que Compostela participará na rede Urban Green Labs.