Buscar/Hemeroteca

viernes, 4 de marzo de 2016

As "62 razóns" da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas para visitar a provincia

O xornalista José Ribagorda presentou no local madrileño "Espazo Atlántico" o libro que editou a Deputación de Pontevedra, que inclúe as 62 razóns polas que merece a pena visitar as Rías Baixas e que contempla unha recompilación das distintas eleccións dos concellos pontevedreses.

As 62 opcións mostran un tema singular de cada concello desde a gastronomía, as festas de interese turístico, os festivais musicais, a paisaxe e a natureza, as praias, a arquitectura contemporánea, os ciclos de cinema ou o patrimonio etnográfico entre outros, onde se mestura a tradición e a vangarda pero poñendo en valor a calidade de cada produto.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, que estivo acompañada polos deputados de Turismo, Mobilidade, Emprego, Cooperación e Cohesión Social e Mocidade, subliñou que "tradición e modernidade conxúganse perfectamente en Rías Baixas. Traballouse moito na dinamización do noso patrimonio, na modernización da arquitectura tradicional con elementos que fan sentir que a provincia está viva e vibrante de contemporaneidade, e debemos dar ás a ese interese e levalo moito máis alá. Queremos lograr unha provincia con vida cultural propia, orixinal e diversa, queremos que os nosos visitantes se sintan atraídos pola nosa autenticidade e vitalidade".

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi a encargada de desvelar o contido dunha caixa sorpresa que inclúe un volume deste libro branco dos "porque's", ao que se referiu citando algúns dos motivos que impulsan esta nova forma de promoción dos recursos turísticos da provincia. "Porque en Rías Baixas non chove e graniza no inverno, senón que corisca; porque en Rías Baixas o inverno tínguese da cor de case 80 especies de camelias con máis de 30.000 variedades; porque en Rías Baixas atoparedes o Balneario coas mellores augas termais de España; porque veredes viquingos sen retroceder anos; porque a boca encherase de sabor a mar… porque si visitas Rías Baixas quedas tocado para sempre".

Durante o acto proxectáronse tres documentais que reflicten a Ruta da Camelia, a arquitectura contemporánea que se presentou na recente edición de Fitur e un percorrido polos Festivais de Música deste ano na provincia. Os asistentes gozaron do menú de Pepe Solla que estivo acompañado na cociña polos novos alumnos das dúas escolas de Hostalería da provincia de Pontevedra, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o CIFP Manuel Antonio de Vigo.

No hay comentarios: