Achega de Turismo de Galicia á Festa da Arribada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do concello de Baiona, Ángel Manuel Rodal, asinaron o convenio de colaboración para a celebración da 523 edición da Festa da Arribada da Carabela Pinta que terá lugar os próximos 4, 5 e 6 de marzo.

Durante o acto de sinatura, Nava Castro afirmou que esta festa, declarada de interese turístico internacional no pasado ano 2015, é a única destas características que se celebra en Galicia, converténdose nunha referencia imprescindible e nunha cita ineludible no calendario de festas da nosa comunidade.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a categoría e relevancia acadada por esta festa fan que a súa celebración acade unha incidencia directa no que atinxe á divulgación da oferta turística galega vinculada aos extraordinarios recursos turísticos deste país e impulsando así a mellora económica do sector. “Esta festa foise consolidando co paso dos anos e hoxe é un referente turístico que durante os seus días de celebración xunta a máis de 200.000 persoas de todas partes do mundo”, sinalou Nava Castro.

Con todo, Turismo de Galicia aposta un ano máis por esta festa colaborando co concello de Baiona, mediante unha achega de 25.000 euros, na promoción deste evento que polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel internacional supón un importante reclamo de atracción turística.