A Volta Ciclista deixará en Lugo un millón de euros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto con persoal da organización da Volta a España avanzaron este xoves nos detalles organizativos da meta da 5ª etapa da 71ª edición da Volta Ciclista a España, que acollerá Lugo o 24 de agosto, despois de 10 anos, a efecto de coordinar e definir detalles desta proba deportiva ao seu paso pola cidade. 

A rexedora sostivo a gran proxección para a cidade que supón ser meta dunha etapa da Volta, tanto polos beneficos económicos como pola súa repercusión mediática e o recoñecemento público, posto que a meta é o momento de máxima audiencia en televisión, “o que poñerá o foco na nosa cidade e supoñerá unha importante proxección de Lugo para o fomento do turismo, que continúa coa tendencia á alza nos últimos meses”. 

A Volta Ciclista, que arrancará o 20 de agosto en Ourense, move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas na cidade de chegada, “unha oportunidade única para difundir o noso patrimonio”, afirmou a rexedora, quen fixo fincapé no labor de promoción dos medios de comunicación, que mostrarán a cidade de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes.

O Concello realizará un investimento de 90.000 euros para que Lugo sexa punto de chegada desta cita deportiva, un desembolso que suporá uns beneficios na cidade de ao redor dun millón de euros, segundo estimacións dos organizadores. 

Tal e como informou a rexedora, acoller ao pelotón ciclista ten un custe mínimo fronte ao retorno económico, pois por cada euro invertido, a cidade recibirá 12. “Calquera campaña de promoción de Lugo sería máis cara que recibir á Volta”, asegurou Méndez, posto que máis de 1.400 xornalistas transmiten esta carreira, 1.400 persoas que logo poderán exercer de embaixadores de Lugo nos seus lugares de procedencia como Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Camerún, Canadá ou Colombia, entre outros.