A lonxa de Burela xerou descargas de peixe por valor de máis de 74 millóns de euros

O valor económico das descargas da lonxa de Burela acadou no 2015 preto de 74,6 millóns de euros, o que supón unha suba do 12% en relación ao ano 2014. Estas cifras correspóndense coa cantidade descargada de 24.800 toneladas de peixe e marisco. Asó o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na visita que realizaou a lonxa de Burela con nenos e nenas dos Centros de Educación de Infantil e Primaria Virxe do Carme e Vista Alegre.

En canto ás descargas de especies, a principal nesta lonxa é a pescada, con máis de 11.400 toneladas descargadas o ano pasado, por un importe 51,2 millóns de euros. De feito, case o 70% do total vendido desta especie nas rulas galegas procede das lonxas de Burela e Celeiro.

Ademais durante o acto, os nenos e nenas foron agasallados por ABSA co libro Os Bolechas comen peixe de Burela. Este tipo de accións, explicou Rosa Quintana, “axudan a transmitir aos nenos e nenas a importancia da presenza do peixe na súa dieta e tamén coñecementos sobre as distintas especies”.