A Deputación de Ourense edita unha monografía sobre a Ponte Vella de Ourense

A obra A Ponte Maior, de Juan Carlos Rivas, presentada esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, é a monografía máis completa sobre a Ponte Vella de Ourense, “e coa que facemos unha homenaxe a un dos sinais de identidade máis importantes da nosa provincia”, explicou na presentación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. No acto, estivo acompañado polo autor da obra e polo arquiveiro da catedral, Miguel Ángel González.

Manuel Baltar destacou que esta publicación “é a obra máis coidada que ten editado o goberno provincial nos últimos tempos. Foi con diferenza a mellor valorada polo Consello de Publicacións, e nela faise un recoñecemento a esta xoia arquitectónica da provincia de Ourense”. Baltar asegurou que a Ponte Maior “é unha das obras máis importantes da arquitectura civil de Galicia, e fai que a cidadanía ourensá se sinta perfectamente representada, porque é a imaxe e o símbolo da nosa provincia, como así figura no seu escudo”, e engadiu que como toda ponte “une, ao igual que o fai o Congreso do PEN Internacional que reunirá proximamente en Ourense a máis de 250 escritores de todo o mundo, cuxo lema é “Erguendo pontes literarias”.

Manuel Baltar tivo palabras de agradecemento “polo importante traballo que realizou Juan Carlos Rivas nesta obra”, e destacou a súa gran paixón “que se palpa en cada unha das páxinas deste libro, ao que hai que engadir o seu amor pola historia e a súa implicación e compromiso por Ourense”.