Turismo de Galicia edita o libro La catedral de Tui desde su plan director

A catedral de Tui acolleu hoxe a presentación do libro ‘La catedral de Tui desde su plan director’, editado por Turismo de Galicia. O acto contou coa participación do director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; do deán do Cabido de Tui, José Diéguez Dieppa; do bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza; do director e coordinador do Plan director catedralicio de Tui, Iago Seara Morales; e do representante da Fundación Montemadrid, Gabriel Morate.

O libro constitúe unha atractiva obra de divulgación do patrimonio cultural galego que dá a coñecer o monumento, tanto para o público especializado como para calquera que se aproxime ao libro e á catedral con curiosidade e interese.

Esta publicación está tamén chamada a ser un referente e unha fonte documental de consulta obrigada para calquera actuación que se propoña sobre a propia catedral e o magnífico e complexo conxunto edificado que xerou no seu ámbito.

A publicación resume o completo traballo que comprende o Plan director do conxunto catedralicio de Tui, un documento, elaborado por un numeroso equipo interdisciplinar, que constitúe un singular compendio de estudos altamente especializados, sobre o coñecemento e o proceso de formación e desenvolvemento do conxunto catedralicio, ao tempo que deseña e avanza as futuras actuacións a realizar sobre este.