Santiago asiste a reunión da Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, asistiu a reunión de Comisión Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, celebrada na sede da Federación Española de Municipios e Provincias en Madrid, que estivo presidida por José Luis Rivas, alcalde de Ávila e actual presidente do Grupo.

A Comisión de Turismo do Grupo é a encargada de planificar e xestionar a estratexia de promoción nacional e internacional da oferta turística conxunta das 15 cidades, como produto diferenciado baseado no Patrimonio e a Cultura. 

Na reunión fíxose un repaso aos distintos programas que esta Comisión vén desenvolvendo no campo da comunicación e da promoción, especialmente das últimas accións levadas a cabo dende o pasado mes de novembro, e concretáronse as que terán lugar no primeiro trimestre deste ano 2016.

En materia de comunicación, realizouse un balance das campañas de publicidade nacionais desenvolvidas no mes de decembro e revisáronse os contidos da guía práctica sobre as 15 cidades que editará a Organización de Consumidores e Usuarios. 

Presentáronse as novas aplicacións e a páxina web coa oferta de turismo accesible creadas por Predif, xa operativas, e estudouse a planificación da rodaxe da nova serie de RTVE As cidades Patrimonio da Humanidade de España, cos tres primeiros capítulos dedicados a Ávila, Santiago de Compostela e Segovia.