Ollada a Ourense a través dos séculos

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu) acaba de publicar ‘Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX’, unha obra coa que este centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá a coñecer o proceso histórico de conformación da cidade das burgas durante cinco séculos. 

Trátase do catálogo da exposición homónima, visitable ata o próximo 28 de febreiro na sede de Afundación, en Ourense, onde foi presentado en rolda de prensa polos coordinadores do proxecto, Xulio Rodríguez –director do museo– e Avelino Rodríguez, coa participación da responsable da sala de exposicións de Afundación, Beatriz Fernández Anguiano, e do xefe do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Xunta de Galicia en Ourense, Gerardo Pumar.