O Craega participa en Biofach

A Consellería do Medio Rural apoia a promoción da produción ecolóxica galega na feira de referencia mundial do sector (Biofach), que se celebra na cidade alemá de Nüremberg.

O Craega está presente nesta feira cun espazo expositivo de 45 metros cadrados situado no Pavillón 5, no que se localizan a maioría das comunidades españolas. Para asistir a este certame, o Consello Regulador contou cunha achega da Administración autonómica, con cargo á Orde de axudas para a promoción dos produtos agroalimentarios.

Biofach está considerada a feira de referencia mundial no sector dos alimentos ecolóxicos. Na pasada edición contou con máis de 44.000 visitantes profesionais de 136 países e cun total de 2.344 expositores. Paralelamente, celébrase o Salón Monográfico Internacional de Cosmética Natural Vivaness.