Nava Castro explica ao sector s avances do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión co presidente do Clúster de Turismo de Galicia e diversos representantes do sector e do departamento que dirixe para presentar os avances do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago e as próximas accións a realizar.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Plan supón unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e para todos os axentes implicados na Ruta Xacobea. 

Neste senso, sinalou que constitúe unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.

A responsable de Turismo da Xunta explicou aos representantes do sector que o Plan Director do Camiño de Santiago constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia. 

Neste senso, Nava Castro resaltou que para a realización do Plan Director do Camiño procurouse a máxima participación dos axentes e sectores implicados sendo consultados un total de 170 organizacións e 220 persoas, representantes de Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.