Lugo reivindica mellores servizos ferroviarios

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo organizou para hoxe unha viaxe reivindicativa en tren para esixir máis e mellores servizos ferroviarios na cidade e na provincia. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, súmase a este desprazamento entre a capital e Monforte co que se pretende pór de manifesto as demandas que a plataforma veciñal Lugo... non perdas o tren fai para que a provincia de Lugo teña uns servizos ferroviarios acordes ao século XXI.

Piden así a chegada do AVE, a construcción dunha estación intermodal, o control do tráfico de mercadorías por vía ferroviaira, un plan urbanístico para a zona da estación de Lugo, maior número de frecuencia nas conexións a Madrid e Barcelona, suspensión de pasos a nivel ou mellor conexión no ferrocaril de cercanías, entre outros.

“Este Goberno quere o mellor para os lucenses e os mesmos servizos para Lugo que o resto das cidades de Galicia, non máis, nin tampouco menos”, subliñou a rexedora, quen destacou que “somos a capital de provincia peor conectada co resto do territorio galego e español, e é imprescindible que Lugo conte cuns servizos ferroviarios dignos”.

Neste senso, o Goberno presentou unha proposición en decembro para adherirse a esta plataforma e para instar á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a que consignen partidas orzamentarias para a posta en marcha da estación intermodal para impulsar os servizos ferroviarios na cidade de Lugo, nos mesmos termos que o está a facer noutras cidades galegas.