Imos de visita aos pazos galegos

Pazo Mariñán
Os xardíns de inverno da Comunidade galega, sobre todo os que albergan camelias, atópanse entre os meses de febreiro e abril no seu mellor momento e por iso Turismo de Galicia desenvolve unha campaña para promover as visitas a estas contornas tan específicas do territorio galego.

Así, durante a segunda quincena de febreiro e ata o vindeiro 18 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta desenvolve unha campaña de difusión nos medios de comunicación de Galicia ao obxecto de incentivar as visitas a estes xardíns e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.

Ademais desta acción de promoción, Turismo de Galicia ten destacado na súa web o apartado ‘Pazos e xardíns da Ruta da camelia”, no que se atopan todos os recursos do produto ruta da camelia e os enlaces ás páxinas web dos pazos que contan con presenza en Internet.

Por outra parte, no site de Turismo de Galicia os usuarios poden atopar o calendario de exposicións relacionadas coa camelia para este ano 2016, que comezaron o pasado 16 de xaneiro en Tui e rematarán o 11 de decembro en Boiro.