CSHG, metodoloxía eficaz e moderna

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia presentaron os proxectos de viabilidade empresarial do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña do centro de formación.

Na rolda de prensa, que contou tamén coa participación do bartender David Ortiz, mentor dun dos proxectos, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo constitúe un dos sectores máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento da nosa comunidade, onde representa o 11% do PIB e máis do 11% do emprego. “Estes datos demostran que é un sector cheo de oportunidades e no que a calidade e a busca constante da excelencia é fundamental”, afirmou.

Nava Castro explicou que, dada a importancia e peso deste sector, desde Turismo de Galicia apóstase por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais competitivos e para elo impúlsanse iniciativas a prol da calidade, da formación e do asesoramento. 

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou a creación do Centro Superior de Hostalería de Galicia en 1993 que dende a súa posta en marcha –en 1995- formou xa a máis de 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo converténdose nun centro de referencia a nivel internacional.

Por outra banda, Organizados en catro grupos, os alumnos do Certificado de Cociña poñen en marcha diferentes modelos de negocio de restauración que eles mesmos deseñaron previamente.

Cada grupo estará acompañado por un mentor de luxo –Beatriz Sotelo, Pepe Solla, Héctor López e David Ortiz- que os guiará no seu percorrido, con aportacións e correccións ás súas propostas, e que participará con eles na degustación de arranque que celebrarase o luns de inicio de cada proxecto.