Creación da marca "Visit Río Miño", como destino ecoturístico de excelencia

O río Miño ven de presentar a súa candidatura aos fondos europeos para se converter nun destino ecoturístico de excelencia, dándose a coñecer como unha marca transfronteiriza única baixo o nome Visit Río Miño. Así o propuxo o deputado de Cooperación Transfronteiriza de deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, quen destacou a necesidade de unión dos gobernos da “raia”. 

A proposta xestionouse a través da Deputación de Pontevedra e da CIM Alto Minhoportuguesa para participar na primeira convocatoria europea do programa INTERREG V A-POCTEP, que suporían investir máis de 7,5 millóns de euros de fondos da UE para traballar na posta en valor da área de forma conxunta entre as administracións locais de ambos os países. 

“A presentación da candidatura Visit Río Miño xorde como reforzo e concreción dun conxunto de vontades dinamizadoras, entre as que está a da Deputación de Pontevedra, cun denominador común que é o treito internacional do río Miño”, asegurou Benítez.

O proxecto presentado pretende traballar a partir dunha marca (Río Miño) forte e competitiva, e estruturar unha oferta turística a través de actividades conxuntas que, ademais, implicarán unha maior preservación dos espazos naturais. 

Na candidatura o río Miño transfronteirizo é presentado como un dos territorios máis interesantes a nivel europeo por ser a zona de fronteira con maior porcentaxe de área protexida e clasificada en todo o territorio estatal, así como tamén unha das maiores de Europa. Sublíñase que o río Miño está bastante consolidado no mercado nacional como destino, se ben o desafío que agora se presenta é “ser capaces de achegar un valor engadido a nivel internacional”.  http://clusterturismogalicia.com