Cabana de Bergantiños xestionará as visitas ao Dolmen de Dombate

O deputado da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, asinaron este xoves o convenio para a xestión do Dolmen de Dombate

O Concello de Cabana de Bergantiños xestionará as visitas a chamada xoia do megalitismo. En virtude ao convenio, a Deputación encoméndalle ao Concello de Cabana de Bergantiños os servizos de atención de visitantes e as actividades culturais complementarias ademais de iniciativas de posta en valor do Dolmen. 

Entre outras medidas, deberá facilitar a visita ao recinto con servizos de guía, o control do tránsito priorizando a protección do monumento, a conservación e mantemento, a realización de visitas guiadas de 30 minutos, a dinamización do museo, o fomento de estudo e investigación ou a promoción de actividades culturais.

Dentro das actividades de difusión e formativas o Dolmen de Dombate acollerá visitas escolares todos os venres de xaneiro, febreiro, marzo, outubro, novembro e decembro e os xoves de abril, maio e xuño. Como actividade nova propóñense as visitas nocturnas nas noites do verán. O convenio estipula os horarios de atención ao público que serán de fin de semana en temporada baixa e ampliarase a toda a semana en temporada alta. 

O Domen conta tamén cun teléfono habilitado para a atención a visitantes para cita previa co número 981 754 020 e poderase reservar tamén cita por escrito a través do correo electrónico cultura.concello@gmail.com ou no fax 981 754 229.