A Deputación de Pontevedra impulsa o Camiño Portugués

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co deputado delegado de Cooperación, David Regades, deu a coñecer esta mañá o proxecto "Camiño Portugués: conservación e valoración do Camiño Portugués de Santiago. O patrimonio cultural e natural como factor de desenvolvemento económico". 

Este proxecto, liderado pola institución provincial e no que participan os 13 concellos da provincia (Tui, Salceda de Caselas, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures) e as 4 cámaras municipais do Norte de Portugal (Ponte de Lima, Paredes de Coura, Barcelos e Valença) polas que discorre o Camiño Portugués, opta aos fondos europeos INTERREG V-POCTEP, Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

Carmela Silva destacou que o Camiño Portugués "é un elemento fundamental na área de Galicia-Norte de Portugal, que agrupa un numeroso patrimonio cultural material e inmaterial, así como un rico patrimonio natural que constitúe un factor de desenvolvemento fundamental para esta zona, unha forma de entender o territorio que nos identifica e forma parte do que somos". Ademais, a presidenta subliñou que o turismo é un dos sectores con maior incidencia no desenvolvemento económico desta zona transfronteiriza, e o Camiño Portugués é "un escaparate do noso patrimonio que debemos impulsar para converter nunha ruta atractiva, segura e accesible". A través desta actuación preténdese reforzar a cooperación transfronteiriza, sensibilizar a poboación na protección do Camiño Portugués e converternos nun destino turístico de calidade. 

O alcalde de Caldas, subliñou o carácter do Camiño Portugués como "motor socioeconómico fundamental para as vilas polas que pasa, ademais dun factor de singularidade que nos identifica". Neste sentido, instou para que á Xunta de Galicia "repoña tramos do Camiño Portugués que hoxe, pese a ser ano Xubilar, se atopan en serias dificultades e en moi mal estado".

En representación das cámaras municipais do Norte de Portugal, a edil María Elisa Azevedo Leite Braga manifestou a importancia deste proxecto "audaz e pioneiro, que nos permite preservar o Camiño Portugués de forma consistente, sostible e seria, potenciando todas as posibilidades de desenvolvemento dos territorios transfronteirizos". Ao mesmo tempo agradeceulle "á Deputación de Pontevedra que nos fixese partícipes deste proxecto, coa certeza de que no ano 2021 vamos a obter uns resultados fantásticos".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechou o acto de presentación do proxecto destacando a importancia de manter "vivo o espírito do Camiño para que nos permita que este territorio transfronteirizo no que vivimos sexa un territorio de oportunidades".