Á caza do turismo de negocios dende Abu Dhabi

Turismo de Galicia iniciará o próximo día 4 de febreiro en Abu Dhabi o programa anual para a promoción da oferta de turismo de negocios da Comunidade galega ao longo do ano 2016 coa participación no workshop ConfecRed.

Deste xeito, durante catro días, representantes do departamento de promoción turística da Xunta de Galicia manterán 20 xuntanzas de traballo con outros tantos operadores turísticos especializados ao obxecto de difundir e apoiar a comercialización dos recursos galegos relacionados cos congresos, as convencións e as reunións de empresa.

O evento ConfecRed 2016 reunirá en Abu Dhabi aos principais axentes británicos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presentará as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.

No eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.

Por outra banda, o Salon des Vacances da capital belga celebra este ano a súa 58 edición como un dos certames turísticos máis importantes do norte de Europa e contará como en anos anteriores coa presenza da oferta turística galega a través dun espazo de promoción no que participará Turismo de Galicia.

Así, entre os días 4 e 8 de febreiro, o recinto feiral Brussels Expo acolle o stand de Turespaña onde Turismo de Galicia promoverá a oferta turística da comunidade.