600 deportistas na "Cross de Ribadavia" 2016 os días 13 e 14 de febreiro

Esta fin de semana o Concello de Ribadavia cogregará a 600 deportistas na Cross de Ribadavia 2016, unha das probas de maior tradición. Na presentación do evento estiveron presentes o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ricardo González; o coordinador xeral do Cross de Ribadavia 2016, Eladio Gómez; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e en representación da Xunta de Galicia, Manuel Pérez.

Juan Anta destacou a colaboración da Deputación de Ourense co deporte e cos valores que este implica, e asegurou "o deporte sempre debe ir da man do turismo polo tanto, animar a toda a xente a gozar das moitas cousas que hai en Ribadavia". O Cross de Ribadavia 2016 é unha competición de atletismo campo través que está a consolidarse como unha das mellores probas deste tipo en Galicia e que se celebra con carácter anual en Ribadavia. Trátase dunha "das competicións con máis tradición, calidade e nivel de Galicia na que participarán en total 600 deportistas", asegurou Eladio Gómez.

O alcalde de Ribadavia asegurou "estamos dispostos a que nun circuíto tan importante como temos, e que se pon en valor ano tras ano, tentar acadar cotas máis importantes, se cabe, como pode ser un campionato de España ou de Europa, e esa é a nosa meta".

O evento desenvolverase en dúas xornadas, os días 13 e 14 de febreiro. O sábado, 13 de febreiro terá lugar o XXXIII Copa Deputación de Atletismo – Campo a Través por relevos mixto e o I Campionato de Galicia de Campo a Través por relevos mixtos en categoría Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil. A competición terá lugar dende as 11.00 ás 14.00 horas na que se estima unha participación de 300 atletas. O domingo, 14 de febreiro, disputarase a 81 edición do Campionato de Galicia de Campo a Través Absoluto - que cumpre 100 anos-, Promesa e Junior, individual e por equipos masculino, e o XLIX Campionato de Galicia de Campo a Través Abosluto, Promesa e Junior, individual e por equipos feminino. A competición celebrarase á mesma hora que no día anterior e cunha participación de atletas similar.

Por primeira vez "homes e mulleres en categoría absoluta competirán sobre a mesma distancia de 10 quilómetros", destacou Eladio Gómez. O Cross celébrase "en inverno para experimentar a dureza e para preparar ós atletas para a tempada de pista ao aire libre", asegurou.

Con respecto ao circuíto no que se disputarán as probas, Isidoro Hornillos, asegurou que "é un dos mellores que hai a nivel nacional que se pode considerar válido mesmo para celebrar un campionato de España ou Europa".