Un novo decreto regulará as vivendas turísticas

O Consello da Xunta acordou remitir ao Consello Consultivo o proxecto de decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta nova regulación é necesaria debido á proliferación nos últimos tempos, tanto a nivel internacional como nacional, da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual para uso turístico, é dicir, un novo tipo de aloxamento turístico ofertado polos propietarios na súa propia vivenda.

O obxectivo desta nova norma é erradicar as problemáticas vinculadas a estas prácticas como o impacto económico-social, fiscalidade e tributación, garantía e seguridade das persoas usuarias, calidade da oferta e satisfacción das persoas usuarias, molestias xeradas aos residentes e cidadáns, intrusismo ou competencia desleal.

Así, a principal novidade deste decreto é a introdución da regulación das vivendas de uso turístico, en que se conteñen os requisitos e servizos mínimos de que deberá dispoñer, o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.

O novo decreto define as vivendas de uso turístico, como aquelas cedidas a terceiras persoas, de xeito reiterado e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración, amobladas e equipadas en condiciones de inmediata dispoñibilidade e coas características previstas no presente decreto. A cesión deste tipo de vivendas será por completo sen que se permita a cesión por estancias.

Este novo tipo de aloxamento turístico poderá ser comercializado, ademais de polas empresas turísticas, polos seus propietarios ou persoa física ou xurídica que os represente. Neste último suposto non terá consideración de establecemento turístico.

Para o inicio da súa actividade, o Decreto establece a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable ante a Área Provincial de Turismo de Galicia en que radique a vivenda, e a continuación, sempre que a dita declaración estea debidamente formalizada, inscribirase no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.