Turismo Rías Baixas estrena conta en Instagram: @turismoriasbaixas

Turismo Rías Baixas estrena o 2015 cunha nova canle de comunicación coa cidadanía: Instagram. O organismo turístico provincial transmitirá a través desta rede social, de forma visual e a través de fotografías e infografías, información e recursos sobre o destino turístico Rías Baixas e cada un dos 62 concellos da provincia de Pontevedra.

A comunicación visual é esencial no sector turístico, polo que Instagram é unha rede social óptima para chegar ao público obxecto da comunicación do destino. Ademais, desta maneira e a través das outras redes sociais de Turismo Rías Baixas, é posible establecer unha canle de información e manter unha relación directa coas usuarias e os usuarios, mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan como un centro de atención ao turista.

Na conta @turismoriasbaixas de Instagram divulgaranse, cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais, as imaxes de recursos turísticos do destino, pero tamén haberá información sobre eventos, actividades, carteis e imaxes sobre elementos atractivos ou diferentes que poidan chamar a atención de distintos públicos. Incluirá tamén gran parte dos contidos relacionados co Museo de Pontevedra e, ademais, compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram coa finalidade de achegar diferentes perspectivas e puntos de vista sobre un mesmo acontecemento.