Buscar/Hemeroteca

miércoles, 20 de enero de 2016

Promoción da riqueza turística das montañas de Trevinca

Aa xornadas "As montañas de Trevinca: paisaxes, patrimonios e propostas didácticas" que poñerán en valor a riqueza turística desta zona, foron presentadas esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense. O acto contou coa presenza da deputada provincial de Turismo, Ana Villarino; o alcalde da Veiga, Juan Anta; o organizador das xornadas e catedrático do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, Valerià Paül Carril; e o representante da asociación de Hostalería e Turismo da Veiga (TREVIHOST), Antonio Fernández Pena.

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade que se celebrará do día 22 ao 24 de xaneiro no concello da Veiga. Ana Villarino destacou que estas xornadas permitirán "profundizar no coñecemento das montañas de Trevinca, unhas montañas que albergan o punto máis alto de Galicia", e engadiu, que o concello da Veiga "trata de impulsar o turismo dunha forma responsable, poñendo en valor elementos diferenciadores de calidade e potenciando o seu abundante patrimonio tanto material como inmaterial". Dende a Deputación de Ourense "apoiamos todas estas iniciativas que tratan de poñer a Veiga no lugar que lle pertence, un dos destinos de éxito do turismo de interior", afirmou Ana Villarino.

Juan Anta fixo especial fincapé na importancia de reivindicar a Trevinca e a Veiga como turismo de montaña de referencia de Galicia "os veciños e veciñas da Veiga vamos a loitar por conseguir que este só sexa o primeiro paso nesa traxectoria". Agradeceu ademais o apoio da Deputación de Ourense a prol dun turismo sostible e animou a todo o mundo a participar "nestas xornadas extraordinarias non só dende o punto de vista didáctico senón que tamén levarán consigo que vexan as nosas montañas e gocen das mesmas", afirmou o alcalde da Veiga.

Esta actividade formativa está recoñecida cun crédito para o alumnado de calquera grao da Universidade de Santiago de Compostela. Valerià Paül explicou que estas xornadas "parten da vontade de visibilizar a Trevinca" e engadiu "teñen vocación didáctica pois a quen queremos chegar sobre todo, ademais da xente da zona e do alumnado, é aos profesores porque eles son os transmisores e queremos que de cara ao futuro se coñeza Trevinca".

Os interesados en participar nestas xornadas teñen de prazo para inscribirse ata o venres, 22 de xaneiro, a través da dirección de correo maria.jose.lopez.aveiga@eidolocal.es ou no número de teléfono 988350000.

No hay comentarios: