Oferta formativa de"Conectadas 2016" da Deputación de Pontevedra

Dende o 12 de xaneiro, e durante un mes as entidades que promoven o desenvolvemento das mulleres poderán presentar as súas solicitudes nos rexistros da Deputación de Pontevedra para poder optar ás 267 prazas programa "Conectadas 2016", do que xa están publicadas as bases reguladora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). 

O programa, é unha modificación radical do anterior programa Pensa en ti, que ofertaba cursos non adaptados a unha sociedade do século XXI, coma os de automaquillaxe, corte e confección ou cociña, no sentido máis tradicional da forma de entender a participación das mulleres no mundo.

Conectadas 2016 está dotado de 321.433 euros, tendo por obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías, así como incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Os bloques de contido de Conectadas 2016 son os seguintes: "Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego" (plan de negocio,community manager, e-commerce, asesoría laboral e fiscal, coaching…), "Muller e cultura: artes visuais" (fotografía, pintura, percusión e teatro, entre outros), "Actualízate" (correo electrónico, manexo de tableta, teléfonos intelixentes, redes sociais…), "Coas túas mans" (cestería, traballos en tea, coiro, madeira e costura creativa, entre outros), "Porque ti o fas" (arte floral e ornamentación, sostenibilidade, horta ecolóxica…), "Súmate ao cambio" (hábitos saudables, conservación de alimentos, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coida o teu vehículo, bricolaxe…), "Ponte en forma" (pilates, taichí ou ioga, entre outros) e "Coidados persoais e saúde" (manexo do estrés, menopausa saudable, risoterapia, musicoterapia…).

As accións formativas, de 35 horas de duración, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. Aínda que as mulleres terán preferencia se reservará o 25 % das prazas para homes, agás no bloque "Súmate ao cambio", no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 % co obxectivo de impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado.

Máis información do programa en: Conectadas 2016 www.depo.es