O CSHG ábrese ás cadeas hoteleiras

Desde o mes de xaneiro e ata marzo, máis de 20 cadeas hoteleiras de todo o mundo visitarán o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) para facer unha presentación de empresa aos alumnos. A finalidade da acción e animar aos estudantes a facer prácticas en dirección hoteleira e xestión en cociña nos hoteis das súas compañías.

Así, os responsables de Recursos Humanos das máis prestixiosas firmas a nivel nacional e internacional se achegarán ata o CSHG interesados en coñecer aos que poden ser parte dos seus equipos.

Nesta semana, as presentacións correron a cargo dos responsables de RRHH de Vincci e Meliá Hotels International, quen presentaron a filosofía e a forma de traballar das compañías e realizaron as entrevistas de traballo cos alumnos interesados en facer prácticas nos seus hoteis. 

O próximo xoves 21, será o turno de W Barcelona e Whotels, empresa que participa nestas xornadas do CSHG por primeira vez.

Os 400 alumnos de dirección hoteleira e xestión en cociña do Centro fan prácticas todos os anos conformando as mesmas unha parte máis da súa preparación para ser profesionais do sector hoteleiro e da restauración. 

Moitos dos alumnos que fan o seu último ano de prácticas, conseguen un posto de traballo nas propias cadeas onde fixeron prácticas e outros moitos acadan un traballo nos meses seguintes. De feito, o 90% dos alumnos que se gradúan no CSHG están traballando no sector nove meses despois de rematados os estudos. 

Grazas a esta filosofía de aprender facendo e ocupando todos os postos dun establecemento, desde abaixo ata ser director, o Centro xa formou a máis de 2.200 profesionais, dos que o 90% están traballando no sector turístico en máis de 60 países.