Nova app de realidade aumentada de Turismo de Galicia

A nova aplicación móbil de realidade aumentada, Turismo de Galicia, xa é unha realidade. Trátase dunha ferramenta de axuda tanto para o turista potencial que queira coñecer Galicia como o viaxeiro que estea xa a visitar a nosa comunidade.

A responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, destacou que esta nova app constitúe unha actualización da histórica aplicación de Turismo de Galicia que permite ser localizada e descargada nas distintas plataformas móbiles de maneira máis sinxela.

A aplicación permite coñecer de antemán a localización e información dos recursos e servizos turísticos de Galicia como os aloxamentos, os restaurantes, a artesanía, os museos ou as oficinas de turismo entre outros moitos, así como a información dos recursos que están preto da posición do viaxeiro que xa está a coñecer a nosa comunidade mediante a xeorreferenciación.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que a mellora desta aplicación móbil de realidade aumentada constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola innovación e o emprego das novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do sector turístico. “A aposta polas novas tecnoloxías da información e da comunicación é fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a nosa cota de competitividade nos mercados internacionais”, engadiu.