Mellora de accesos a praias en Vilanova de Arousa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe o concello de Vilanova de Arousa para supervisar o resultado da mellora do aparcadoiro e os accesos ás praias do Terrón e As Patiñas enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,3 millóns de euros que destinou en 2015 o departamento que dirixe para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

A través desta liña de subvencións o concello de Vilanova de Arousa recibiu unha subvención de máis de 42 mil euros. 

Durante a visita a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible. 

Neste senso, Nava Castro manifestou que con iniciativas como esta potenciase o medio rural da nosa comunidade e consolídase Galicia como un destino turístico accesible para todos.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia afirmou que estas accións contribúen a incrementar as cifras de demanda dos establecementos rurais da nosa comunidade os cales rexistraron o pasado ano unha mellora notable, superando nun 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,2% o seu nivel de pernoitas en relación ao mesmo período do 2014. “Este segmento acadou así en 2015 un máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 181.000”, sinalou Nava Castro.