Lugo reinvindica a súa potencialidade turística en Fitur

Imagen de Lugo en Fitur
O Concello de Lugo presentará no marco da 36ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará entre este mércores e o vindeiro domingo 24 no recinto feiral IFEMA, a campaña turística Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Ven, é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago. Así o anunciou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen viaxará “á feira de turismo de referencia de España” xunto á Alcaldesa, Lara Méndez, para presentar o vindeiro xoves un vídeo promocional do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, protagonizado por un peregrino que decide realizar unha viaxe bimilenaria pola cidade, e para adquirir contactos para promover Lugo entre os 165 países e rexións que se darán cita nesta feira. 

“Lugo é un bo lugar para baleirar a mochila e recorrer a súa historia bimilenaria e así o demostramos no vídeo. Queremos darnos a coñecer e presentar a nosa riqueza histórica, cultural e gastronómica”, asegurou Basadre. Neste senso, a edil explicou que no pasado ano 2015, Lugo recibiu a máis de 40.600 visitantes, un 5% máis que o pasado, aumentando tanto o turismo nacional como estranxeiro; “polo que as accións turísticas e a oferta que ofrecemos dende o Concello son efectivas, e temos que seguir traballando na promoción”. 

“No Concello apostamos polo turismo, que xera un 3,6% do emprego a nivel nacional, e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia como ruta xacobea”, sentenciou a edil, ao tempo que lembrou o éxito que acadou o programa de visitas guiadas A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, no que participaron máis de 400 persoas nas 16 andainas que se levaron a cabo o pasado verán.