Inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida “Pan Galego”

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á solicitude de inscrición no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”. Con este trámite, a partires desta data ábrese un prazo de dous meses para a presentación de oposicións á devandita inscrición. 

Tal e como recolle o prego de condicións da IXP, o pan galego é aquel que ten codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “Trigo país” ou “Trigo galego”). 

A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

O pan amparado pola IXP presentará unha serie de características, entre as que se atopan a forma (variable en función do formato de que se trate), existindo catro tipos de pezas, cun formato tradicional específico. O “bolo” ou “fogaza”, a “rosca”, a “bóla” ou “torta” e a “barra”, cada unha coa súa forma e pesos específicos, indicados no devandito prego, que tamén establece as condicións que teñen que cumprir a codia e a miga, así como o sabor e o aroma.

A solicitude de inscrición foi realizada pola Federación Galega de Panaderías (Fegapan), asociación que contou co apoio e o asesoramento da Consellería do Medio Rural para a preparación da documentación necesaria na tramitación do expediente.