Buscar/Hemeroteca

jueves, 14 de enero de 2016

Galicia en Fitur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Santiago o contido do recinto institucional da Comunidade galega en FITUR 2016 que segundo manifestou, foi deseñado para “transmitir afectividade e calidez, de xeito que o visitante perciba un dos sinais de identidade de Galicia, a acollida”.

Nava Castro manifestou que o recinto galego posicionará a marca do turismo galego Galicia, o bo camiño, “dando a coñecer os destinos, produtos e recursos turísticos galegos que compoñen a oferta turística da nosa comunidade e as súas novidades”.

Á súa vez, engadiu, “servirá de plataforma e punto de encontro para as relacións comerciais dos empresarios do sector turístico galego, cun espazo de traballo no que estará representado o Clúster Turismo de Galicia, o que supón unha mostra máis da nosa aposta pola colaboración público-privada no sector turístico”, engadiu.

Como novidades da presenza galega na 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Mardri, FITUR, a directora de Turismo de Galicia destacou a instalación no stand de tres novos módulos expositivos relacionados co Entroido galego, as festas declaradas de interese turístico nacional e internacional, e a oferta relacionada coa Comunidade galega como destino Strarlight.

Así mesmo, Nava Castro resaltou a presenza das novas tecnoloxías aplicadas ao turismo no recinto galego, coa instalación dunha pantalla táctil informativa dos recursos turísticos galegos; o desenvolvemento dun obradoiro de artesanía a cargo do mestre artesán Xosé Manuel Sanín e as catas de viños e queixos galegos con Denominación de Orixe dirixidas polo sumiller Nacho Costoya.

Como unhas das grandes novidades desta edición, a responsable de Turismo da Xunta destacou a importancia que terá para a promoción internacional da gastronomía galega a cea ofrecida por Turismo de Galicia na Gala dos Premios á Excelencia e á Innovación Turística da Organización Mundial do Turismo (OMT) que se desenvolverá na noite do próximo mércores 20 de xaneiro e que estará dirixida polo chef Pepe Solla, en colaboración cos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e na que participarán axentes e representantes turísticos de todo o mundo.



No hay comentarios: