Entroido con acervo

Xenerais do Ulla
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou no acto de presentación do Entroido dos Xenerais do Ulla, destacou que esta festa se converteu “nun recurso indispensable do Ulla que favorece a dinamización do territorio e contribúe á desestacionalización do sector turístico no inverno”, ademais de fomentar o coñecemento dos atractivos da zona.

Na súa intervención, Nava Castro referiuse aos distintos entroidos galegos como unha das celebracións de carácter lúdico máis importantes do inverno en Galicia destacando que grazas á “súa riqueza cultural, a súa vistosidade e o seu acervo atraen un gran número de asistentes e participantes”.

Neste senso, a titular de Turismo de Galicia lembrou que na actualidade son sete os entroidos galegos que exhiben a cualificación oficial de festa de interese turístico, aínda que existen outras vilas e cidades nas que esta celebración conta con gran tradición e arraigo.

Ao longo desta semana, entre os días 20 e 24 de xaneiro, os profesionais do turismo e o público xeral que acuda á feira Fitur poderá visitar o módulo expositivo dedicado exclusivamente aos entroidos declarados de interese turístico en Galicia.