Con máis de 40.600 visitantes en 2015, a Oficina Municipal de Turismo de Lugo bate un novo récord

A Oficina Municipal de Turismo de Lugo bate un novo récord, ao atender máis de 40.600 visitantes durante o ano 2015, máis de 2.000 visitantes que o ano anterior. O número de turistas que se achegaron á Praza do Campo aumentou, especialmente en agosto, que foi o mes de maior afluencia, con preto de 10.400 visitantes. 

O incremento de turistas prodúcese tanto entre os visitantes españois, que sumaron máis de 33.900, preto de 1.700 máis que no 2014, como nos estranxeiros, que aumentaron un 7% con respecto ao pasado ano, ata alcanzar os preto de 6.800 foráneos. 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, mostrouse satisfeita co incremento de visitantes, o que pon de manifesto, segundo a edil, que “Lugo se consolida como destino turístico cultural ao ofrecer unha oferta interesante para os visitantes”. 

No que respecta ao turismo nacional, os madrileños continúan a estar á cabeza, representando un 18% dos visitantes españois, seguidos dos procedentes de Castela e León (3.848) e Cataluña (3.473). No que atinxe aos turistas estranxeiros, dos preto de 6.800 foráneos, 905 procedían de Francia, 769 de Alemaña, 634 de Italia, 524 de Portugal e 503 de Estados Unidos. Á Praza do Campo tamén se achegaron solicitar información arxentinos, brasileiros ou irlandeses, entre outros. 

Os museos da cidade luguesa, recibiron máis de 31.300 visitas no 2015. A Domus Mitreo foi a máis visitada, con máis de 10.200 persoas no pasado ano, seguida da Casa dos Mosaicos, con arredor de 9.800, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), con arredor de 8.500 visitas ás súas instalacións. Á sala de exposicións de Porta Miñá achegáronse máis de 2.800 visitantes.