Colaboración entre concellos para a promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas

O Centro Torrente Ballester da cidade naval acolleu á presentación das actuacións de promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas, coa presencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Blanco, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o concelleiro de Turismo de Ferrol, Bruno Díaz.

González Formoso destacou a importancia da “colaboración e coordinación” entre os concellos, as diferentes administracións e o sector privado para “espremer o gran potencial turístico deste territorio”, que engloba a un total de 21 concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

“A implicación dos concellos é fundamental” para o éxito deste tipo de iniciativas, subliñou o presidente provincial, que fixo referencia aos antecedentes na promoción turística da zona levados a cabo pola Deputación ao longo dos últimos anos, entre os que destacou o Plan de dinamización turística implementado durante a época de Salvador Fernández Moreda “que xa advertía da importancia desta comarca”, e o proxecto de promoción do Turismo Industrial levado a cabo polo executivo provincial presidido por Diego Calvo, unha iniciativa de “gran demanda a nivel internacional que en Ferrolterra está traendo cada vez máis visitantes”.

Valentín González destacou así mesmo o importante impacto económico que ten o turismo, que achega máis do 10% do PIB autonómico e o 11% do total do emprego en Galicia. “Esa é a referencia”, apuntou o presidente provincial coruñés, que animou aos concellos a traballar para conseguir un retorno económico similar entre os concellos da comarca porque axuda á dinamización económica, a fixar poboación no ámbito rural e a paliar o desemprego.

Diego Calvo considerou que a colaboración “deu os seus froitos” e subliñou a importancia de “pasar da promoción individual de cada un dos concellos a facelo de forma conxunta”, mentres que o concelleiro de Turismo de Ferrol, Bruno Díaz, cualificou a iniciativa como “un exemplo de colaboración que contribúe á mellora socioeconómica do lugar onde vivimos”.

Durante o acto presentáronse ademais dous relatorios sobre a oferta de turismo slow e turismo sutentable de surf na comarca e déronse a coñecer as dúas iniciativas que contaron con financiamento da Deputación durante o pasado ano e que serán presentadas a vindeira semana en Fitur, a feira de turismo máis importante de España e unha das principais de Europa. 

Trátase da guía “As paisaxes fortificadas do destino Ferrolterra”, que segundo explicou o xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá, realiza un repaso polas numerosas baterías e castelos que flanquean as rías e “conta cun importante labor de investigación histórica detrás que invitará ao visitante a descubrir lugares segredos” e a aplicación para móbiles deste destino turístico, unha completa app que lles permite aos concellos actualizar constantemente a súa información e ao usuario ter toda a información turística de Ferrolterra na palma da súa man, o que será de gran utilidade para os viaxeiros.