Buscar/Hemeroteca

miércoles, 20 de enero de 2016

A Deputación da Coruña presenta a ruta “O Camiño dos Faros” en #Fitur_Madrid

www.caminodosfaros.com
A Deputación da Coruña estará presente FITUR coa presentación no programa oficial da ruta “O Camiño dos Faros” que se presentará hoxe a partir das 11.00 horas no stand de Turgalicia en Fitur (Pavillón 9). O deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, participará no programa oficial do que está considerado unha das feiras de referencia para o turismo mundial.

O Camiño dos Faros é unha ruta a pé de 200 quilómetros de distancia que une Malpica con Fisterra pola beiramar. O camiño ten o mar como protagonista e atravesa por todos os faros e principais puntos de interese da Costa da Morte, conectando todas as rutas existentes en oito etapas de camiñata.

O acto contará tamén coas intervencións da representante da Asociación Trasnos da Costa da Morte, entidade promotora do proxecto, Sofía Agrafojo e do xornalista Santiago Garrido.

Ademais, a presencia da Deputación da Coruña en Fitur servirá para promocionar entre os axentes do sector turístico seis xeodestinos de especial interese da provincia como son “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa”.

Nos encontros profesionais que se desenvolven no marco de Fitur, o deputado Xosé Regueira participará de mércores e venres dunha axenda de contactos con empresas, entidades e revistas profesionais encamiñados a promocionar os distintos destinos turísticos da Coruña. A Deputación participará tamén en distintos actos de presentación de iniciativas turísticas e culturais dos concellos da provincia.

No hay comentarios: