Manicura e pedicura para os Camiños

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta vai poñer en marcha o Programa da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago. Este nova iniciativa vaise poñer en marcha de inmediato durante un período que se estenderá como mínimo ata o 2020. 

No que se refire ao investimento, o máximo responsable autonómico detallou que este programa está dotado con 3,2 millóns de euros para o vindeiro 2016, dos cales 2,7 millóns destinaranse a actuacións de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago e 500.000 euros a infravivenda rural.

Neste aspecto, incidiu en que precisamente as zonas rurais serán as que terán maiores facilidades para beneficiarse do programa, xa que nelas as axudas esténdense a todas as vivendas da parroquia pola que pasa o Camiño, mentres que nas zonas urbanas só se beneficiarán aquelas vivendas emprazadas na traza do Camiño.

Deste xeito, poderanse beneficiar das axudas case 500 parroquias de máis de 100 concellos situados ao longo das sete rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.