García Baquero da un pulo ao sector queixeiro galego dende Palas de Rei

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou que o Goberno galego está a traballar co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para mellorar a regulación da figura do primeiro comprador. Así o destacou durante a visita que realizou ao concello lugués de Palas de Rei para coñecer de primeira man as instalacións que a empresa queixeira García Baquero ten nesta localidade. 

A conselleira, acompañada polo alcalde, Pablo Taboada, e por Miguel Ángel e María del Mar García Baquero, explicou ante os medios alí presentes que o seu departamento está traballando arreo a prol do sector lácteo galego e que estase a poñer en marcha a nivel lexislativo todos aqueles puntos que se pediron no acordo lácteo. Mostra diso, dixo, é a tramitación por vía urxente do Real Decreto sobre declaracións obrigatorias para os fabricantes de leite e a posta en marcha do contrato-tipo homologado de compraventa de leite. Neste senso, adiantou que o vindeiro martes vaise reunir o Comité de Seguimento do Acordo Lácteo, onde “poderemos coñecer quen está cumprindo e quen non”. 

Ángeles Vázquez recalcou de novo que o seu departamento fixo un gran esforzo ao inxectar en tempo récord máis de 119 millóns de euros en axudas para dar liquidez ás explotacións gandeiras da nosa Comunidade, correspondentes ao anticipo da PAC, as axudas excepcionais de liquidez (da UE e o Ministerio), as relativas á incorporación de mozos e as destinadas ás explotacións que manteñen vacas nutrices. 

A conselleira visitou as instalacións de García Baquero en Palas de Rei, empresa que comercializa os queixos da D.O.P. Arzúa-Ulloa e Tetilla. Ángeles Vázquez destacou a aposta pola transformación neste sector, xa que o valor engadido repercute non só a nivel industrial e económico, senón que tamén o fai nos propios gandeiros. 

A instalación conta cunha superficie de 2.501,08 metros cadrados e está equipada con moderna maquinaria. Para o vindeiro ano 2016, agárdase que a fábrica poida vender preto do 50% da produción ao mercado exterior.