A Xunta investirá máis dun millón de euros no Monte do Gozo

O Consello da Xunta aprobou o Plan de actuación do Monte do Gozo, un proxecto de recuperación integral que remodelará o parque de maior dimensión de Santiago adaptándoo ás necesidades actuais e converténdoo nunha referencia nacional e xacobea.

O Monte do Gozo constitúe unha testemuña clave da xénese do asentamento de Compostela e unha pedra angular para o Camiño de Santiago. A orixe da cidade enmárcase no triángulo formado polos cumios dos montes que a flanquean: polo oeste o Monte Pedroso, polo sur o alto do Milladoiro e Santa Mariña e polo nordeste o Monte do Gozo. A relación deste monte coa orixe de Santiago e a visión e relación co Pico Sacro tamén é algo que forma parte das lendas da orixe de Compostela.

Na actualidade, a vexetación forestal de proximidade e as plantacións de eucaliptos de San Lázaro provocan que o significado do Monte do Gozo para o Camiño perda a súa carga simbólica, xa que non se pode apreciar desde el a Catedral de Santiago. Así mesmo, o parque encóntrase nunha situación delicada.

Con todo, o Monte do Gozo constitúe un lugar de oportunidade, un ámbito de máis de 50 ha con grandes equipamentos que necesitan unha reformulación para adaptalos ás necesidades actuais. O parque atesoura arquitecturas que resistiron dignamente o paso do tempo pero que necesitan a súa posta en valor e revitalización, así como espazos que agora están pechados e que necesitan que tanto a cidadanía como os peregrinos os descubran.

A intervención, que supón un investimento de máis de 1.207.000 euros, centrarase na relación do Monte do Gozo co Camiño de Santiago co obxectivo de recuperar a súa condición orixinal liberándoo dos elementos que actualmente impiden a súa lectura e compresión.