O patrimonio ferroviario como recurso turístico

Converter o patrimonio ferroviario de Galicia nun recurso turístico que axude a xerar emprego e facilite a desestacionalización do sector e ofreza novos destinos para un público cada vez máis interesado en alternativas de calidade foi unha das conclusións coas que se pecharon as Xornadas Ferroviarias que o Inorde organizou na estación de Baños de Molgas, entorno á proposta do patrimonio ferroviario como tractor de produtos turísticos culturais.

A historia da gastronomía vinculada ao mundo do tren, foi o tema que abordou o xornalista Francisco J. Gil, recordando como viaxar e comer son dous verbos que se conxugan case en paralelo dende o inicio da historia do ferrocarril e o tren convértese no primeiro difusor da gastronomía local e dos produtos quilómetro cero, “un aspecto que volve a renacer en Galicia gracias á explotación dos trens turísticos”, destacou Francisco Gil.

As Xornadas foron clausuradas, na parte expositiva, cunha mesa redonda sobre o papel que o patrimonio ferroviario xoga no desenvolvemento dos recursos turísticos e culturais do territorio. Nela participaron todos os responsables das ponencias desta xornada e da do día anterior, ademais da xerente do consorcio turístico Ribeira Sacra, Alexandra Seara Sobrino, e o xerente do departamento de protección do patrimonio da Fundación dos Ferrocarrís Españois, Miguel Jiménez.



As Xornadas comezaron o xoves coa intervención de José Paulo Dantas, en representación da Cámara Municipal de Viana do Castelo e José Manuel Rodríguez, xerente do Inorde, que explicaron con detalle tanto o proxecto “Estaciones Vivas”, como o seu predecesor “Estaciones”, co que se logrou a rehabilitación de 6 estacións da provincia de Ourense e o funicular de Santa Luzía en Viana do Castelo.