Novos alcaldes, novos rumbos (Editorial HG&T 196)

Había unha expectativa certa diante dos sensibles cambios producidos nas corporacións das grandes capitais galegas. Asentados nos seus despachos os novos alcaldes, pareceulle ó Consello Editorial desta revista o momento de buscar resposta á expectativa. ¿Qué cambios se van producir nas grandes liñas da política turística municipal?. ¿En qué e cómo se vai traducir o cambio, o novo rumbo consonte cun tempo novo que agroma en cinco das sete grandes, chamado a consolidar tendencias nas outras dúas?

Un punto de reflexión sobre o herdado polos novos edís. Vítimas todos da política turística máis pobre, gris, valeira e contradictoria que endexamáis formou unha Xunta de Galicia, a crise -crise económica, pero sobre todo de ideas, señor Feijóo, e de capacidade, "señá" Nava- as corporacións locais, sen diferencia de cor, agás casos moi concretos, tiveron qe arreglarse con imaxinación e vontade. Uns quedáronse curtos, outros salvaron os mobeis, algúns botaron por fóra. Éste é o caso de zotes con traxe de alpaca como o expresidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e os seus correlixionarios Chema Figueroa ou José Crespo, podium de zenutrios políticos e avispados economistas" sen competencia en toda a autonomía. Poderíanlle seguir nos "diplomas", alcaldes pasados de Santiago e A Coruña, pero para postos secundarios acumúlanse discutibles opcións.

Despilfarros en Pousadas (Salnés) e en voltas ciclistas megalómanas a conta do erario público -financiador de fastos sen nome- coa disculpa promocional; apoio exclusivo a unha determinada liña da gastronomía de avangarda -o grupo Nove autoconverteuse en propagandista e beneficiario práticamente único, dese insospeitable compromiso do PP, en deterimento e marxinación das outras academias culinarias mais recoñecibles como produto turístico, merecedoras de entrar no conxunto das apoiaturas institucionais. Duplicacións e malgasto nos eventos sectoriais, como na Fitur, duplicando estands, gasto e mentira: as presentacións que se din facer alí, son para os que pululan por alí de aquí, moitos -e parte da prensa no é allea, non digamos a afición sen recursos ademáis dos canaperos da diáspora e asimilados. Desde xeito é a política turística precedente. Propaganda, oportunismo, boa vida a conta dos cidadáns, fume buscado e dócil.

Da enquisa que nos satisfai adiantar no caderniño central, dedúcense perspectivas novas, a excepción do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que como é lóxico en home cabal, un dos poucos -¿ou único?- entre os bos conselleiros desta lexislatura- anuncia continuidade no eido termal, e un salto tecno-avangardista. Téñeno claro, os ourensáns.

Diagnósitico equilibrado o do novo alcalde herculino, Xulio X. Ferreiro, a reorientación das accións turísticas a través e para iniciativas desde a base, non despilfarros de lucería e impactos de parte, máis perto do esnobismos mediáticos e da parafernalia repetitiva ao uso, que da posta en valor do autóctono, como pasou co Fórum Gastronómico, prato de segunda mesa primeiro en Santiago, despois na Coruña. Nunca nos opuxemos desde HG&T a este tipo de eventos, sí e reiteradamente a cómo se fixo, ó modelo imposto desde fóra, á colonización entusiásticamente admitida pola mediocridade autóctona -sacristáns, predicadores e campaneiros- complacentes cun papel gregario, subordinado cando non superficial ou alleo á cultura intersectorial propia.

Valentes, ata atrevidos, asoman os plantexamentos do alcalde Martiño Noriega, veterano, pero novo en Compostela. Avisar de anceiadas descentralizacións e de combater a masificación de moi concretos e localizados espazos turísticos, semella difícil, pero non imposible; encomiable que se queira acometer. Unha aposta pola calidade nunha cidade que está de volta.

Non parecía Ferrol a cidade onde menos e desacertados esforzos se viñeron facendo a prol dun lugar ao sol da atracción turística. Fixo cousas a deputación de Moreda e Villamar, por pular da Ferrolterra, e seus territorios de proximidade -Eume, Ortegal- e xogou bazas entusiastas a administración municipal turística precedente, polo turismo relixioso, por exemplo. Acolle o novo alcalde Juan J. Suarez, con realismo, a herdanza recibida, e tirará dela este loitador de base.

Quede como impresión final da enquisa, a modo de broche ouro, a voz comprometida da nova alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, atinado enfoque o seu: e para comer, Lugo ha ser algo máis, moito máis, un eslabón principal, pero imbricado.

Todos, os sete, coinciden en considerar o turismo como sector extratéxico para as socioeconomías locais. Tamén parecen chegados por este eido, os tempos do cambio de formas, métodos, valores. Pluralidade fronte a sectarismo; xestión fronte a despilfarro, identidade e factores diferenciais antes que estandarización. Principios democráticos e de oportunidades fronte a tahurismo. Un aire novo.