Galicia acada un máximo histórico en viaxeiros aloxados

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de setembro Galicia experimentou un incremento do 9,7% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 482.500, e do 6,5% no caso das pernoctacións, rexistrando preto de 900.000 neste noveno mes do ano. Estas cifras permitiron que a nosa comunidade acadase un máximo histórico no seu volume de viaxeiros aloxados e a cifra máis elevada de pernoctacións dun ano non Xacobeo.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoctacións, que se incrementaron un 4,1% e un 2,7%, respectivamente. En termos de viaxeiros Galicia foi a terceira comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.

En termos de mercado, o turismo interno da nosa comunidade –correspondente ao dos residentes en Galicia- rexistrou un incremento do 1,2% en relación ao pasado ano. O volume de viaxeiros residentes incrementouse nun 8,6%, superando o nivel dos 100.000 neste mes de setembro, a cifra máis elevada desde o 2007.

O turismo receptor nacional –aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou neste mes de setembro un 5,1% as súas pernoctacións, rexistrando preto de 450.000 e un 8,4% os seus viaxeiros.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos, acadando novamente no pasado mes de setembro máximos históricos tanto de volume –con máis de 170.000 viaxeiros aloxados e 267.000 pernoctacións- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 35,5% do total de viaxeiros e o 29,7% das pernoctacións-.

A nivel territorial, as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo da demanda hoteleira, destacando o incremento producido en Ourense do 14%. Pola súa parte, A Coruña rexistrou un incremento do 7,9%, Pontevedra do 5,2% e Lugo do 1,8%.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 2,77 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste noveno mes do ano, nun 4,4%. A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de setembro, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 10,5%-.